Monday 29 de April de 2024

Regresa a Milla Urbana Nocturna á Pobra no 16 de setembro


A Pobra do Caramiñal volverá dar cabida a unha nova cita deportiva: a LXI Milla Urbana Nocturna, que se desenvolverá no 16 de setembro, coa saída e a meta fronte ós Xardíns de Valle-Inclán. Organizado pola Concellaría dos Deportes, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), e a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, coa colaboración da Protección Civil, o evento arrancará pouco antes das 22.00 horas para concluír preto da medianoite.

As modalidades participantes abranguen dende a sub-6 ata a máster. Entregaranse trofeos ás/ós tres primeiras/os clasificadas/os por categoría e medallas ás persoas que compitan na sub-6 e sub-8. Outorgaranse, ademais, premios económicos ós tres mellores tempos das distintas carreiras: 150 euros ó primeiro posto, 100 ó segundo e 50 ó terceiro.

As inscricións formalizaranse na oficina dos Deportes do Concello, situada na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, en horario de 09.30 a 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981831545 e 619229946.